ENTENDA A INTIMIDADE

Este documento explica que grado de intimidade pode esperar ao navegar por Internet e como pode controla-la información que se proporcione sobre vostede. O punto máis importante a ter en conta é que vostede mantén o control—ninguén pode obter información persoal sobre vostede a menos que vostede mesmo llelo permita.

Hai varios xeitos polos que un sitio pode obter información de vostede. Cando solicita unha páxina dun sitio revélase automaticamente unha certa cantidade de información na petición da páxina que o navegador fai no seu nome. Cando a páxina estea recibida, o sitio podería pedirlle ao navegador algunha información adicional. Mentres recibe a páxina o sitio podería estar rastrexándoo tomando notas sobre o seu comportamento e armacenando esas notas nunha área do seu disco duro (cookies) que pode ler despois. E cando enche e envía un formulario, a información dese formulario envíase ao sitio. Cada un deses aspectos descríbese en detalle embaixo.
 

Ao Solicitar unha Páxina

Cando solicita unha páxina dun sitio, proporciónaselle unha pouca información de vostede a ese sitio; en particular, o sitio averigua os tres elementos listados embaixo. Máis alá diso, o sitio non pode obter outra información sobre vostede sen o seu coñecemento—non sabe o seu enderezo de e-mail e, por suposto, non coñece o seu nome.

1. Ambiente Operativo

Ao sitio díselle algo sobre o seu ambiente operativo coma o tipo de navegador que está empregando e se cadra o sistema operativo co que está funcionando. Isto axuda ao sitio a presenta-la páxina que solicita no xeito no que mellor apareza na páxina. Por exemplo, ao sitio poderíaselle dicir que está empregando a versión en galego de Netscape 6 e que corre baixo o sistema operativo Windows 98. Esta información non é para nada persoal, así que a súa intimidade non se ve comprometida pola súa divulgación.

2. Enderezo de Internet

Ao sitio díselle o enderezo de Internet que está empregando. Ás veces chámaselle enderezo IP. O sitio precisa o enderezo IP para saber onde ten que envia-la páxina que se lle está a solicitar. Os enderezos IP adoitan se rexistrar a fornecedores de servicio de Internet e non a individuos; cada vez que se conecta a Internet asígnaselle un dos seus enderezos IP dun xeito aleatorio para que o empregue mentres dure a sesión. Así que o sitio que está a visitar pode determinar, por exemplo, que un usuario de AOL acaba de solicitar unha páxina, pero non pode determinar que usuario de AOL.

O seu enderezo IP non é o seu enderezo de e-mail—son dúas cousas diferentes. O seu enderezo de e-mail é o enderezo ao que se envía o seu correo e identifícao a vostede de xeito único no ciberespacio, do mesmo xeito que o seu número do DNI o identifica no mundo real. O seu enderezo IP, por outro lado, é un enderezo temporal que emprega mentres dure unha sesión para obte-las páxinas que está a solicitar. Non forma máis parte da súa identidade que o número de teléfono dunha cabina que estea a utilizar ao facer unha chamada telefónica.

Pero se lle importa o tema e quere impedir que se proporcione o seu enderezo IP, vexa a sección de Como Agocha-lo Seu Enderezo de Internet.

3. Referente

Ao sitio tamén se lle di de onde vén. Noutras palabras, sabe que páxina estaba a ler cando premeu nunha ligazón que levaba á páxina que agora está a solicitar. Isto permítelle ao sitio saber que outros sitios lle fan referencia. Tamén, ao percorre-lo sitio, permítelle ao sitio saber en que parte do sitio estivo recentemente.
 

Despois de Recibi-la Páxina

Despois de recibi-la páxina do sitio, esa páxina amósase. A páxina pode conter programas, que se chaman código JavaScript, que se han executar na súa máquina. O código JavaScript pode solicitar certa información da súa máquina e enviala ao sitio.

Se non quere que se proporcione ningunha información adicional, pode evitalo con facilidade. Que o navegador permita ou non a execución de código JavaScript contrólase na configuración das preferencias. As preferencias están ao principio estabrecidas para admiti-la execución de JavaScript. Ao cambiar estas preferencias ha impedir que o sitio solicite e transmita esta información.

A información que pode solicita-lo sitio empregando código JavaScript deste xeito adoita non ser moi interesante. Inclúe cousas coma o número (pero non os nomes) de sitios que visitou con anterioridade, se o navegador pode ou non pode executar programas escritos nunha linguaxe chamada java, o número e tipo de plugins que ten instalados no navegador, a altura e anchura da fiestra do navegador, etc.

O código JavaScript normalmente non pode obter ningunha información sobre vostede que poña en serio perigo a súa intimidade. Nembargantes, sempre co seu permiso, o código JavaScript pode obter información moito máis persoal; de feito, podería incluso ler información de ficheiros arbitrarios no disco duro e transferir esa información ao sitio, pero tería que conceder permiso antes de que ningunha desas cousas ocorra. Ha saber se o sitio tenta empregar JavaScript deste xeito porque ha aparecer unha caixa pedíndolle que conceda permiso; non debería concedelo a menos que teña unha confianza absoluta no sitio. Se o rexeita, o código JavaScript faise inofensivo.
 

Ao Descargar un Ficheiro

Cando solicita un ficheiro (no canto dunha páxina que se pode ver), poderíase proporciona-lo seu enderezo de e-mail por cortesía ao sitio. Pode saber cando solicita un ficheiro porque o seu enderezo comeza por "ftp://" no canto do "http://" máis habitual.

Hai unha preferencia que determina se o seu enderezo de e-mail se debería enviar coma contrasinal ao solicitar ficheiros. Inicialmente esta preferencia está estabrecida de xeito que non se envía o seu enderezo, así que, a menos que a cambiara, non se ha proporciona-lo seu enderezo de e-mail.
 

Rastrexamento coas Cookies

Xa que o sitio non sabe quen é vostede, non é posible que colleite información sobre vostede, e non coñece as anteriores veces que visitou o sitio; nin sequera sabe o que fixo mentres estaba no sitio, á parte de saber de que parte do sitio procede.

Nembargantes hai veces nas que tería avantaxes permitir que un sitio saiba algo sobre as súas visitas anteriores. Por exemplo, se antes estivo lendo un documento longo e chegou ata a páxina 17, estaría ben se o sitio o levara inmediatamente á páxina 17 na súa seguinte visita.

O único xeito que ten unh sitio de lembrar información que poida asociar con vostede é armacenando esta información no seu disco duro e léndoa cada vez que interactúa co sitio. Eses anacos de información chámanse cookies, porque non había un nome mellor. Por suposto, o sitio non pode armacenar unha cookie directamente, senón que ten que solicitarlle ao navegador que o faga no seu nome, e o navegador non ha armacenar unha cookie sen o seu permiso (vexa a sección de Control das Cookies). Cando un sitio ten armacenada unha cookie, pode lela no futuro sen ter que obter permiso de vostede, pero o sitio só pode le-las cookies que armacenou—non pode le-las cookies armacenadas por outros sitios.

Non se asuste—un sitio non pode gravar en sitios arbitrarios no seu disco. As cookies que armacena van nun ficheiro específico, chamado ficheiro de cookies, e o sitio nin sequera pode escribir aí a menos que lle dea permiso para facelo. Dun xeito semellante, o sitio tampouco pode ler información arbitraria do disco.

Se un sitio pode armacenar unha cookie, pode gardar un rexistro de tódalas cousas que fixo, gravando esas cousas nunha cookie que despois actualiza; deste xeito pode construir un perfil seu. Isto pode ser algo bo ou algo malo, dependendo do que o sitio pretenda facer coa información. Por exemplo, sería algo bo se un libreiro soubera que buscou moita información sobre cans, para que despois lle puidera avisar de que apareceu un novo libro sobre cans dende a súa última visita. Sería algo malo se lle vendera esa información ao concello para que puideran cruzala coas súas bases de datos para buscar propietarios de cans sen licencia.
 

Atopar Cookies de Fóra

Cando un sitio armacena unha cookie, é o único sitio que pode ler esa cookie no futuro; iso permítelle a un sitio construír un perfil do seu comportamento mentres está nese sitio, pero non do seu comportamento en xeral mentres navega en Internet. Así que alomenos ten algunha seguridade de que os datos que se colleitan sobre vostede (co seu permiso, por suposto) son específicos do sitio e ninguén pode construír unha base de datos universal sobre vostede.

Pero supoñamos que mentres visita o sitio ovellas.com, alguén armacena unha cookie que non é de ovellas.com senón dun sitio de mercadotecnia chamado lobo.com; e ovellas.com pode facer que iso ocorra dun xeito moi simple, tendo unha imaxe de lobo.com na súa páxina. Así que cando visita ovellas.com realmente fai unha viaxe de paso a lobo.com para descarga-la imaxe e lobo.com pode armacena-la cookie nese momento. Agora supoñamos que lobo.com ten outros sitios que tamén amosan a súa imaxe para armacenar cookies; agora lobo.com podería construír unha cookie que contén información sobre o seu comportamento acumulativo en todos eses sitios, e cantos máis sitios poida convencer lobo.com para que amosen a súa imaxe, máis completo pode se-lo perfil que fagan sobre vostede.

As cookies armacenadas por un sitio distinto do que cre que está visitando chámanse cookies de fóra. Se está preocupado do impacto na súa intimidade das cookies de fóra pero non das cookies normales, pode dar permiso aos sitios para que armacenen só as cookies normais pero non as de fóra.
 

Control das Cookies

O xeito no que da permiso para que un sitio empregue (armacene e/ou lea) cookies é mediante as súas preferencias. Podería preferir que o navegador permita aos sitios empregar tódalas cookies (de fóra e as normais), que só permita que empreguen cookies normais, ou non permitir que os sitios empreguen cookies. Aínda máis, nas preferencias podería inidicar que quere que se lle avise antes de armacenar calquera tipo de cookie. Ao instala-lo navegador, as preferencias permiten que tódolos sitios utilicen tódalas cookies sen avisar cando se armacena unha cookie; ha ter que cambiar explicitamente a súa preferencia se non é iso o que quere.

Se non considera que as cookies invadan a súa intimidade e non lle importa quen armacena cookies na súa máquina, non debería cambia-las súas preferencias. Por outro lado, se é paranoico e non quere que ningún sitio armacene cookies, debería cambia-las súas preferencias para non permitir que ningún sitio empregue cookies. Pero podería haber un termo intermedio, no que permite que algúns sitios armacenen cookies (o seu banco, por exemplo, podería esixir cookies antes de que poida examina-los saldos das súas contas), prohibirllo a outros sitios (eses coñecidos por prácticas comerciais de ética cuestionable), e que se lle pregunte nos outros sitios.

Pode conseguir este termo intermedio estabrecendo as preferencias para permitir que os sitios empreguen cookies pero avisándolle antes. Nese caso, ha aparecer unha caixa cada vez que un sitio tente armacenar unha cookie. Esa caixa ha identifica-lo sitio (podería non se-lo sitio que está a visitar, coma no caso de cookies de fóra) e halle preguntar se quere permiti-lo armacenamento da cookie. Tamén lle ha preguntar se quere lembra-la súa decisión con respecto ao sitio. Se acepta a cookie e especifica que quere que se lembre a decisión, o navegador ha conceder automaticamente permiso para as seguintes tentativas de armacenamento de cookies procedentes deste sitio, sen avisar. Por outro lado, se rexeita a cookie e indica que se lembre a decisión, o navegador ha rexeitar automaticamente tódalas tentativas de armacenamento de cookies deste sitio.

Empregando o Xestor de Cookies pode consultar unha lista de cookies armacenadas no disco duro, e tamén unha lista de sitios dos que solicitou que se lembraran as decisións con respecto ao armacenamento das cookies. Tamén pode seleccionar e borrar calquera das cookies ou sitios desas listas.
 

Evita-las Cookies

Deberíase mencionar que incluso coas cookies desactivadas, o sitio aínda pode rastrexalo, alomenos mentres permaneza no sitio. Aquí preséntase un exemplo.

O sitio podería armacena-la información, non nunha cookie na máquina, senón nas ligazóns que lle permite visitar. Cada ligazón que lle presenta para que prema contén o enderezo da seguinte páxina a visitar; o sitio podería persoalizar esa ligazón para vostede, de xeito que conteña tamén un pouquiño de información de seguemento.

Para aclarar isto, supoñamos que visita un sitio chamado sigame.com. Este sitio preséntalle a súa páxina principal, e esa páxina principal contén unha ligazón a unha segunda páxina. O que ve na pantalla é algún texto que describe a ligazón (por exemplo, "visite a páxina dúas"). Ademáis do texto visible, a ligazón tamén contén o enderezo da segunda páxina, coma sigame.com/paxinaduas ; pero supoña que a ligazón da páxina principal non contén só sigame.com/paxinaduas, senón que contén algo coma sigame.com/paxinaduas?0 . O "?0" podería ser un código que indica que non visitou aínda a páxina dúas. Supoña que preme na ligazón e mira a páxina dúas, e despois preme nunha ligazón que lle leva á páxina principal. A páxina principal que lle presenta o sitio é diferente da que lle mandou antes en que a ligazón de sigame.com/paxinaduas agora contén sigame.com/paxinaduas?1 . Agora o sitio está a emprega-la propia páxina (no canto dunha cookie) para leva-la conta de onde estivo e en que cousas premeu.

As boas novas son que este tipo de seguemento só funciona mentres permaneza no sitio e visite as súas páxinas relacionadas. Cando marche do sitio hase perder toda esta información. Se despois voltara presentaríaselle a ligazón "sigame.com/paxinaduas?0" unha e outra vez. (Por suposto, se marca unha páxina dun deses sitios, cando volte a esa páxina empregando o marcador aínda ha estar aí esa información de seguemento).
 

Envío de Información nos Formularios

Por suposto, se proporciona información ao sitio de forma voluntaria, enviando un formulario que o sitio lle presenta, sabe que está proporcionándolle ao sitio calquera información persoal que encha. O sitio é libre de armacenar esa información na súa base de datos e emprega-la información de calquera maneira que lle interese. Para a súa protección, moitos sitios estabrecen normativas voluntarias de intimidade que dictan o que poden e non poden facer coa información que se lles proporcione. Cada sitio determina a súa normativa de intimidade e pon esa normativa dispoñible para que a vexa.

Teña en conta que non hai unha vixilancia dos sitios no que respecta ás súas normativas de intimidade e que poden dicir nelas o que queiran, así que cando chega o momento, a decisión última sobre se quere enviar información a un sitio depende de canto confía nese sitio. Podería inclinarse por cre-lo que se di na normativa de intimidade de http://home.netscape.com mentres que podería ter motivos xustificados para dubidar das normativas ofrecidas por http://www.timadores.com

Moitas veces ha estar introducindo a mesma información nos formularios de moitos sitios diferentes; por exemplo, tódolos sitios que lle venden algo han preguntar polo seu nome, o enderezo de envío e o número da tarxeta de crédito. É moi tedioso ter que escribir esta información de cada vez; no seu lugar pode facer que o Xestor de Formularios grave esa información dun formulario en particular e encha esa información nos formularios que atope no futuro. O Xestor de Formularios grava a información na máquina local e non nun sitio web. Cando o Xestor de Formularios enche un formulario coa información gardada, esa información non se envía ao sitio ata que envíe o formulario. Unha vez máis, vostede mantén o control — non se proporciona ningunha información ata que vostede o permita.
 

Revelación do Contrasinal

Se é coma a maioría dos usuarios, rexistrouse para servicios de varios sitios. O rexistro consistiu na selección dun nome de usuario e contrasinal. Cada vez que volte a un sitio tal, ha encher e enviar un formulario que contén o nome de usuario e contrasinal seleccionados para ese sitio. Para evitar ter que lembrar un contrasinal diferente para cada sitio, especialmente para eses que non adoita visitar, podería ter empregado o mesmo contrasinal en tódolos sitios, e o mesmo para o nome de usuario, supoñendo que ninguén o collera xa.

Así que cada sitio no que se rexistrou ten un rexistro de dous datos importantes sobre vostede—o seu nome de usuario e contrasinal. E se é o nome de usuario e contrasinal que emprega en tódolos sitios, un administrador sen escrúpulos dun deses sitios ten información de abondo para se facer pasar por vostede entrando en calquera deses sitios nos que se rexistrou. Iso podería non lle importar porque non lle magoa se alguén entra coma vostede nalgún periódico e le o que pasa no mundo, pero poderíalle importar se alguén averigua que banco usa, entrara coma vostede, e fixera algunha transferencia.

A maneira de se protexer, por suposto, consiste en empregar un contrasinal diferente en cada sitio no que se rexistre, pero iso significa que ten que leva-la conta de cada contrasinal que empregara algunha vez. O Xestor de Contrasinais do navegador pódelle axudar lembrando o nome de usuario e contrasinal que empregou ao entrar por última vez en cada sitio, e despois enchendo esa información no formulario de identificación a seguinte vez que visite ese sitio. Pode optar por envia-lo formulario de entrada con eses valores ou cambialos antes de enviar se iso non é o que quere.

O Xestor de Contrasinais tamén lle permite ve-los nomes de usuario que ten armacenados en cada sitio, e tamén lle permite borrar calquera deses elementos, se quere.
 

Como Agocha-lo Seu Enderezo de Internet

Cando solicita unha páxina dun sitio, o seu navegador ten que lle indicar ao sitio o enderezo de Internet (enderezo IP), para que o sitio saiba onde ten que envia-la páxina; éste é o enderezo remitente. O seu fornecedor de servicio de Internet ten varios enderezos IP asignados, e selecciona un para que vostede empregue cada vez que inicia unha sesión; cada vez que se conecte ao seu fornecedor háselle dar un novo enderezo IP.

Algúns usuarios teñen enderezos IP fixos que empregan cada vez que se conectan a Internet, pero eses usuarios son unha minoría, e se vostede é un deles xa o sabe sen ningunha dúbida; así que se non oíu nada en contrario, pode supor que recibe un novo enderezo IP en cada sesión.

Aínda que é só un enderezo temporal, pode que non queira que esa información se dea a un sitio que pretenda visitar, pero se o navegador non proporciona esa información, o sitio non ha saber onde ten que envia-la páxina solicitada, así que esta é a única información que non lle pode pedir ao navegador que non revele.

Se quere agocha-lo seu enderezo IP do sitio, ten que usar un sitio intermedio de confianza. Vostede vai ao sitio intermedio e dille o nome do sitio que quere visitar. O sitio intermedio solicita a páxina no seu nome, empregando o seu propio enderezo IP coma enderezo remitente; cando obtén a páxina envíalla a vostede. O sitio que proporciona a páxina nunca chega a ve-lo seu enderezo IP.

Hai varios sitios que proporcionan tales servicios. Para obter unha lista, mire en dmoz.org/Computers/Internet/Proxies/Free/. De xeito alternativo, pode emprega-lo seu buscador preferido para buscalos—probe termos de busca coma "anonymous browsing".